Outubro 26, 2009

Coidado…

Xalundes, máis alá de Xúpiter, e de Venus e de Urano,

e de Navia de Suarna…


(QUE NERVIOS!!!!!!!!)

Outubro 26, 2009

Un ollo… outro ollo

Hai animais que hibernan no inverno,

nós os peixes, como durmimos no verán…

veraneamos?

Xuño 14, 2009

INCRIBLE FOZ

P1020600

Esta fin de semana foi incrible.

Estivemos na libraría BAHIA, con libros, con Henry, con Manolo, con Vadim e con Ana, con Ceo e con moitísimos devoradores e devoradoras de libros.

Fixemos chapas incribles e únicas co noso mestre chapista mentres escoitabamos unha música preciosa e saboreabamos a incrible torta que fixo o mestre pasteleiro de Foz.

Foz é a vila máis incrible do mundo enteiro,

porque está chea de música, de mar e de

devoradores e devoradoras de libros.

P1020604

P1020609

P1020615

Xuño 12, 2009

O LIBRO. ESA ARMA

O libro. Esa arma.

O libro é un obxecto perigoso.

Hai libros pequenos, moi pequenos, que igual algún pícaro pode comer e atragoarse.

Logo hai libros con moitas follas, ás veces un pode pasar a páxina moi rápido e cortarse.

Logo están os dicionarios, mimá! Se che dan cun deses, igual un pode perder o sentido!

Por iso felicitamos á TVG por deixar de emitir LIBRO ABERTO.

Xa está ben, home, de tanto libro, incitando á xente a automutilarse.

Por non falar de por se a alguén se lle dá por lelos!

(Podedes ler algo sobre este tema aquí)

Xuño 11, 2009

O ESPAZO EXTERIOR E A LINGUA

En 1938, cundiu o pánico en Estados Unidos. Na radio, Orson Welles anunciaba no seu programa que a civilización estaba sendo atacada polos extraterrestres.

Aínda que no ceo americano non se vía ningún prato voador, aínda que nos faiados non había vaíñas mucosas onde os marcianos levedaban, todos os cidadáns americanos saíron ás rúas atacados polo pánico, convencidos de que en poucos días habían estar dominados polos alieníxenas.

O que acontecía era que a humanidade estaba a piques de entrar na segunda guerra mundial e o medo, dende atrás asentado na sociedade precisaba dunha vía de escape, como unha ola exprés.

Daquela, non era cousa de marcianos. Era o medo.

Como se estivesemos escribindo a historia en papel calcante, repetímola unha e outra vez.

Agora, o medo pódese intuír a través da lingua.

Non nos falan de extraterrestres na radio. Agora, o pobre marciano adquiriu a forma dun mestre de primaria vestido cunha camiseta de raias ameazando a unha aula de vinte nenos vestidos co mandil da galescola para que falen galego.

Non ameaza cun raio exterminador, senón cunha copia de Cantares Gallegos aos pobres pícaros que asustados, corren ás súas casas chorando.

Outra suplantación importante é ese marciano que, transformado nunha vendedora de El Corte Inglés, négase a atender aos clientes a menos que lle falen galego, ou ese notario que se nega a cobrar os seus honrarios a menos que lle escriban os documentos do traspaso patrimonial na lingua opresora.

En pouco tempo, os reducidos grupos de castelánfalantes terán que reunirse polas noites, en sotos e a escuras, caso de que as patrullas de imposición da lingua galega os atopen e lles fagan falar galego a golpe de cuarteto de gaitas.

Señoras, señores… Como dixo Orson Welles ao final do programa…

Todo isto non existe, é ciencia ficción.

A única realidade que existe é que os nenos que teñen o galego como lingua nai, chegan á escola e abandonan a lingua. Porque nin os seus amigos, nin a tele, nin a cidade, nin as cousas máis chulas están en galego.

A diferencia da brincadeira de Welles, o que pasa neste caso é que xogar coa lingua é perigoso.

Non se debe xogar nin coa lingua, nin coa comida, porque as dúas cousas son esenciais para asegurar que exista unha sociedade intelixente, crítica, analítica e informada, é dicir, LIBRE.

Outra cousa é que iso non interese. Neste caso, agradeeriamoslle ás autoridades que lle chamen a cada cousa polo seu nome e cambien o termo AMABILIDADE LINGUISTICA por PROCESO D’IDIOTIZACION DO PERSONAL, que é máis directo, menos hortera e máis honesto.

En fin, todo isto para informarvos de que tedes á vosa disposición este material para repartilo polos vosos centros de traballo e a todas as persoas qeu coñezades.

http://www.nova-escola-galega.org/WebDefault.aspx?MenuInd=1&MenuId=244&Lng=gl-ES&tl=0

http://www.coordinadoraendl.org/web/index.php

Nestes tempos de crise económica é comprensible que xordan movementos de dereitas, fascistas e limitadores das liberdades, porque xa pasou. Pero se cadra, deberiamos pensar en alieníxenas, e deixar a lingua como o que é, un patrimonio único que temos que protexer, enriquecer e aprender, para sermos mellores e non os mesmos.

Xuño 10, 2009

Henry vai de festa a FOZ

cartaz_BAHIA_baixa

(Deseño de Diego e Marcelino)

Xuño 8, 2009

Henry além do Minho!

Xuño 8, 2009

Xerais e a Playstation

O sábado foi a entrega dos premios Xerais.

Puxémonos de pé para aplaudir a Agustín Fernández Paz, que compuxo un texto onde se tecían con tenrura ideas como a memoria, a lectura, a escrita, a lingua, e finalmente a esperanza.

Mentres lía o seu discurso, un pícaro sentado diante de nós xogaba á Playstation. Seguramente non sabía quen é Fernández Paz, nin por que nos puxemos de pé despois da súa defensa agarimosa da nosa lingua, e é seguro que non lle importaba. Como ten que ser, porque como di Franky Devos, os nenos de hoxe non son os adultos de mañá, son os nenos de hoxe.

En calquera caso, a imaxe era simpática.

Gústame pensar que este pícaro, pode que non xogue á play en galego, pero sí que ten unha morea de libros de Agustín que pode ler, si que pode ver a televisión en galego e pode escoitar a radio en galego. Este pícaro estuda galego na escola e sabe utilizar a lingua en calquera ámbito.

Grazas, Xerais por convidarnos a unha tarde tan xeitosa, e por traballar tanto e tan ben porque pícaros coma o que xogaba á playstation medren con máis oportunidades das que houbo nunca.

Contade con nós para traballar porque siga sendo así (ou mellor).

Grazas,

Patasdepeixe

Maio 27, 2009

Patasdepeixe nas librarías

Xa podedes atopar a Henry na Coruña e Pontevedra e Lugo e Ourense e Bertamiráns, nas librarías:

Couceiro, Nós e Quimbamba (A Coruña)

Mainomen e Lenda (Bertamiráns)

Paz, Cronopios, Seijas e D-Lectum (Pontevedra)

Maraxe, El Pozo de los tres Deseos (Cangas)

Torga (Ourense)

Trama (Lugo)

Bahía (Foz)

Librouro, Babel, Prisma, Versus e Andel (Vigo)

e na libraría Couceiro (Santiago)

Se querdes poñervos en contacto con nós, xa sabedes:

info@patasdepeixe.com

Maio 13, 2009

A manifestación pola lingua alieníxena

znaki-ufo-com(http://www.inkscapeforum.com/viewtopic.php?f=8&t=1447)

Cando un vai almorzar a un bar e o atenden en castelán, cando colle un xornal e está escrito en castelán, cando un vai traballar a unha escola e todos os seus alumnos (caso de que o tal un traballe no ensino) falan castelán, cando vai a unha librería e todos os libros do escaparate están en castelán, cando vai a un bar e a xente relaciónase en castelán.
Cando o goberno defende e protexe o uso do castelán (da ameaza alieníxena?), a un só lle queda pensar que a lingua que fala foille aprendida polos alieníxenas.

O domingo manifestación alieníxena pola lingua (ou varias, que os marcianos sonvos moi intelixentes).

E se cadra non é cousa de marcianos.

Bip.