Febreiro 11, 2009...12:22 am

MEDO

Saltar a Comentarios

Xa está aquí, chegou por fin.

Pasamos moitos meses pensando nel, logo traducíndoo, deseñándoo, pelexándonos cos programas de maquetación e intercambiando infinitos correos coa editora británica coa que traballamos.

Despois mandamos o noso traballo e a nosa ilusión cun clic a Inglaterra.
De alí, con outro clic, foi para a China.

Na China un señor ou unha señora, supostamente chinés ou chinesa, colleu este noso traballo e a nosa ilusión e fixo a maxia que converte arquivos electrónicos en papel.

Logo outros ou outras chinos e chinesas (que desexariamos que fosen maiores de idade) deberon coller os nosos peixiños, metelos en caixas, logo as caixas nun colector, e o colector nun barco.

Logo o barco debeu parar en Southampton, ou en Canary Wharf e outras persoas (de nacionalidade imposible de imaxinar, pero desta seguro que maiores de idade) descargaron o colector, do colector colleron as caixas e mandaron as caixas á editora británica.

Alí, a nosa amiga Chiara colleu catro peixiños, meteunos nun sobre e mandounos a Galiza, cunha notiña preciosa, na que di que tamén se emocionou pola chegada destes peixiños.

Mentres, nos catro meses que pasaron desde o primeiro clic estabamos argallando por aquí, comendo as unllas, facendo pasteis para relaxarnos, pensando en que outros peixes podemos imaxinar… e cando sucumbíamos á incerteza e ao medo, dábanos por pensar no noso prmeiro peixiño, iría todo ben? Tería todas as páxinas? Entenderían a nosa letra? Saberían os chineses e as chinesas algo de galego? Quedaría algunha gralla ortográfica que se nos colou?… e mil preguntas máis.

Agora está aquí.

E podemos deixar medrar as unllas.

E é unico.

E é precioso.

E está desexando que o leades.

Deixa un comentario